Galicia é a primeira rexión da UE en crear unha Fundación cun padroado público-privado para o estudo de asuntos xurídicos marítimos e pesqueiros

Créase a fundación MarInnLeg para o estudo de asuntos xurídicos marítimos e pesqueiros
21 Xullo, 2017
Nace a Fundación MarInnLeg, primeira da UE público-privada para estudar asuntos marítimos e pesqueiros
21 Xullo, 2017
Créase a fundación MarInnLeg para o estudo de asuntos xurídicos marítimos e pesqueiros
21 Xullo, 2017
Nace a Fundación MarInnLeg, primeira da UE público-privada para estudar asuntos marítimos e pesqueiros
21 Xullo, 2017

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou este venres en Vigo a importancia da creación da fundación cun padroado público-privado MarInnLeg para “cubrir aqueles aspectos técnicos que teñen que ver coa actividade pesqueira nas súas diferentes versións, tanto na económica como na xurídica e na administrativa”. Neste sentido, subliñou que Galicia é a primeira rexión da Unión Europea en contar cunha entidade destas características.

Así o sinalou durante o acto de constitución desta fundación, un proxecto enmarcado no Plan Blue Growth que lidera a Autoridade Portuaria de Vigo e no que participan as universidades galegas, diferentes asociacións dos sectores, empresas, o Porto de Vigo e as administracións central e autonómica. No acto, a conselleira estivo acompañada polo presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique C. López Veiga.

A través desta entidade, incidiu a titular de Mar, “buscamos entre todos cubrir ocos que poidan existir nos diferentes aspectos de desenvolvemento da actividade”. Neste sentido, explicou que a fundación naceu “coa vontade de seguir crecendo e de seguir admitindo a todos aqueles que crean que teñen moito que achegar”.

Ademais, a conselleira engadiu que a constitución desta ferramenta fai que “hoxe sexa un día moi importante para todo o sector pesqueiro e esperamos que sexa un punto de inicio de algo grande para o sector”. En relación coa actividade de MarInnLeg explicou que, aínda que se constituíu oficialmente onte, xa estaba traballando en distintos asuntos, entre eles, a análise sobre o Brexit e nun informe sobre o impacto do tax lease na construción de barcos de pesca.

A fundación MarInnLeg está presidida pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, e tratará de contribuír a un desenvolvemento socioeconómico sostible do sector marítimo galego a través do fomento e transferencia do coñecemento xurídico nesta materia. Xorde ante a necesidade de apostar pola mellora do coñecemento xurídico marítimo e pesqueiro como un factor clave para estimular a innovación, o desenvolvemento e o crecemento económico a medio e longo prazo.

Busca, polo tanto, dar resposta aos desafíos actuais aos que se ven sometidos os sectores da economía azul de Galicia, nunha contorna cada vez máis complexa, tanto pola competencia internacional como polos diversos niveis de toma de decisións e regulamento, e que están relacionados co comercio exterior e interior, as políticas de competencia, a economía, o emprego e o medio ambiente.

Esta fundación constitúese como unha alianza público-privada, formada por clústeres, administracións públicas, centros de investigación de entes público e privados e sociedade civil. Do seu padroado forman parte, entre outros, a Consellería do Mar, a Autoridade Portuaria de Vigo, o Campus do Mar, Aclunaga, Arvi, Asime, Cepesca, Conxemar, Abanca e o Banco Sabadell.

Ver a nova na súa fonte orixinal: www.spanishports.es