Áreas de actividade

A Fundación MarInnLeg procura contribuír a xerar, transferir e xestionar o coñecemento xurídico marítimo e pesqueiro a través dunha serie de actividades ou servizos a disposición da sociedade: asesoramento, formación permanente, observatorio e investigación.

Asesoramento

A Fundación ofrece distintos servizos e produtos de asesoramento xurídico marítimo tanto para o sector privado como para as administracións públicas. Nestes intres está a traballar en asuntos como a análise dos efectos do Brexit para o sector pesqueiro e a industria transformadoras, un informe sobre o impacto do ‘tax lease’ na construción de barcos de pesca ou a creación dun Rexistro de Posibilidades de Pesca.



Observatorio

O obxectivo do Observatorio é proporcionar información especializada aos stakeholders ou aos sectores implicados, como universidade, administracións públicas, sectores e sociedade civil. Será o encargado de recompilar e poñer a disposición de todos os implicados a normativa nacional, comunitaria e internacional, a xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, así como libros brancos, verdes e azuis da comunidade europea.

Outra das finalidades é a creación dun boletín informativo nun formato electrónico coas últimas novidades e con información de interese relacionada coa lexislación, sentenzas, acontecementos actuais, artigos publicados...


Investigación

MarInnLeg ten por obxectivo fomentar a investigación en xeral, apoiando iniciativas específicas a nivel autonómico, nacional e internacional. Para conseguilo traballa no desenvolvemento de publicacións, informes especializados ou actividades de divulgación, como mesas redondas, xornadas e conferencias.

Xa dende antes da súa fundación, MarInnLeg traballaba en diferentes temas de actualidade e importancia para o sector marítimo e pesqueiro, como na análise do Brexit e as súas consecuencias no sector ou na elaboración dun informe sobre o impacto que o tax lease tivo no sector naval e na construción de barcos de pesca.