Galicia é a primeira rexión da UE en crear unha Fundación cun padroado público-privado para o estudo de asuntos xurídicos marítimos e pesqueiros
21 Xullo, 2017Galicia é a primeira rexión da Unión Europea en crear unha fundación cun padroado público-privado para o estudo de asuntos xurídicos marítimos e pesqueiros, MarInnLeg.
No acto de constitución de MarInnLeg, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou a importancia da creación desta fundación para “cubrir aqueles aspectos técnicos que teñen que ver coa actividade pesqueira nas súas diferentes versións, tanto na económica, como na xurídica e na administrativa”.
Rosa Quintana sinalou que, aínda que MarInnLeg acaba de constituírse oficialmente, xa está traballando en distintos asuntos, entre eles a análise sobre o Brexit e un informe sobre o impacto do tax lease na construción de barcos de pesca.
A fundación MarInnLeg estará presidida pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, e tratará de contribuír a un desenvolvemento socioeconómico sostible do sector marítimo galego a través do fomento e transferencia do coñecemento xurídico nesta materia. Xorde ante a necesidade de apostar pola mellora do coñecemento xurídico marítimo e pesqueiro como un factor clave para estimular a innovación, o desenvolvemento e o crecemento económico a medio e longo prazo.
Busca, polo tanto, dar resposta aos desafíos actuais aos que se ven sometidos os sectores da economía azul de Galicia, nunha contorna cada vez máis complexa, tanto pola competencia internacional como polos diversos niveis de toma de decisións e regulamento, e que están relacionado co comercio exterior e interior, as políticas de competencia, a economía, o emprego e o medio ambiente.
Esta fundación constitúese como unha alianza público-privada, formada por clústeres, administracións públicas, centros de investigación de entes públicos e privados e sociedade civil. Do seu padroado forman parte, entre outros, a Consellería do Mar, a Autoridade Portuaria de Vigo, o Campus do Mar, Aclunaga, Arvi, Asime, Cepesca, Conxemar, Abanca e o Banco Sabadell.
ManInnLeg é un proxecto enmarcado no Plan Blue Growth que lidera a Autoridade Portuaria de Vigo e no que participan as universidades galegas, diferentes asociacións dos sectores, empresas, o Porto de Vigo e as administracións central e autonómica.
Ver a nova na súa fonte orixinal: www.economiaengalicia.com